A actuación xa se levou a cabo nas parroquias de Negros, Vilar de Infesta, Quintela e Reboreda. Nos próximos días está previsto que se acometan tamén estes traballos de mellora nos tramos que percorren as parroquias de Cedeira, Trasmañó e Chapela. Ademais de acondicionar o firme afectado polas chuvias do inverno e o paso do tempo, instalaranse sinais de “prohibido circular” nos cruces entre a estrada e a senda.
O Concello de Redondela acondiciona os tramos da Senda da Auga que pasan polo municipio, unha actuación necesaria “ao ser un lugar esquecido dende máis de 20 anos e que se atopa degradado polo paso do tempo e o seu uso”. O roteiro percorre 23 km, pasando por un total de 9 parroquias (Chapela, Trasmañó, Cedeira, Negros, Cabeiro, Vilar de Infesta, Saxamonde, Quintela e Reboreda) sendo de gran relevancia para o ocio da veciñanza e o turismo, por tratarse dun roteiro de gran valor ecolóxico e natural, practicamente sen pendente, o que o fai accesible a calquera persoa para pasear, andar en bicicleta ou realizar actividade ao aire libre.
As actuacións consisten no acondicionamento con recheo de fochancas con xabre para achandar o terreo e a limpeza de cunetas, así como a instalación de tubaxe e sistemas que eviten a caída da auga dende o monte ao paseo de terra, sobre todo naquelas zonas que tenden a inundarse con maior frecuencia. A primeira actuación afectou ao tramo que percorre as parroquias de Santo Estevo de Negros, Vilar de Infesta, Quintela e Reboreda.
“Estamos comezando cos tramos máis danados polas choivas deste ano e continuaremos cubrindo toda a zona, para que a xente poida gozar desta ruta de gran valor natural durante o verán”, explica a alcaldesa Digna Rivas.