O FIC Andaina arranca o vindeiro domingo coa proxección da longametraxe “O home e o can” do director Ángel de la Cruz e protagonizada por Manuel Manquiña. Ambos os dous estarán presentes e manterán un coloquio cos asistentes ao finalizar o pase. Un festival que volverá congregar ao redor de 1.500 escolares de Redondela, Vigo, Mos e Soutomaior e que inclúe citas deportivas e obradoiros en paralelo aos pases das curtas a concurso.
O FIC Andaina é o primeiro festival de cine de Galicia adicado integramente á temática da discapacidade. Un festival que naceu hai doce anos co obxectivo de dar visibilidade e normalizar a situación da diversidade funcional na nosa sociedade e que é o máis lonxevo de todo o estado, onde tan só se celebran citas destas características en grandes cidades (Madrid, Barcelona e Málaga).
Un festival que quere ser “moito máis que cine” e se presta unha especial atención aos centros educativos. Así, ao longo dunha semana, pasarán polo auditorio da Xunqueira preto de 1500 escolares que vivirán a experiencia do cine en curto, ao tempo que comprobarán de primeira man experiencias e realidades de persoas con diferentes capacidades.
“O home e o can”, produción galega que conta xa con diversos premios de prestixio será a película encargada de abrir a programación este domingo 16 ás 18:00 horas nun acto que contará cun coloquio posterior co director Ángel de la Cruz e o actor Manuel Manquiña.
Entre as novidades que destaca o presidente de Andaina está un torneo deportivo na modalidade de fútbol en colaboración coa Federación Galega de Deporte Adaptado e a presenza de Simón Gonzalez, campión galego en trece ocasión na modalidade de Full Contac así como música de Gure terra, tanto no pase inaugural como no día da clausura e actuación de Blues do Pais o sábado 22.
Os pases das curtas a concurso, seleccionadas de entre as 200 películas recibidas, serán na fin de semana dos días 22 e 23 cun total de 13 curtametraxes. A venda de entradas anticipadas online permanecerá aberta ata o 21 de abril na web de Andaina e tamén se poderán adquirir na billeteira unha hora antes de cada pase.