As mozas da División de Honra Prata Feminina da SAR Rodavigo despiden a tempada cunha vitoria na casa. O sábado recibiron na Bombonera ao Pendo Camargo, cun resultado final de 29 fronte a 25. Pechan a tempada 22/23 en novena praza e coa permanencia na categoría un ano máis.
Segundo a adestradora Verónica Posada este foi un final de tempada cómodo grazas a primeira volta, onde xa conseguiran a salvación. En total, dos 26 partidos xogados conseguiron gañar 8, empatar 2 e perderon 16, cunha media de 28 goles marcados por partido.
O que non conseguiron foi salvar a tempada das lesións. Entre outros incidentes, Posada destaca a rotura de ligamentos da porteira Lucía que atópase á espera dunha operación. O caso máis complicado foi o de Fani que por motivo dunha enfermidade tivo que afastarse do campo e continúa en recuperación.
A pesar do remate da liga, a equipa continúa adestrando para enfrontarse con forza á Copa Galicia que se celebra en agosto. Organizarán partidos amigables contra equipos da autonómica que estean xogando a fase de ascenso. A intención é non frear o ritmo e manter a forma física.
Parte do éxito do primeiro equipo feminino da SAR ten que ver co apoio da canteira. As xuvenís adestran e xogan partidos en Prata como forma de prepararse para as seguintes categorías e tamén para botar unha man no caso de que sexa necesario. Son xogadoras que destacan dentro da súa liga. Este ano obtiverono título de subcampioas na Final Four, tras caer derrotadas na final fronte ao Balonmán Porriño cun resultado axustado de 29-24.
A SAR Rodavigo conta cun persoal feminino que destaca a nivel galego e nacional. Tódalas categorías femininas atópanse este ano representadas na Final Four.