O alumnado dos CEIP Alexandre Bóveda, Laredo e Igrexa e o IES de Chapela xuntáronse este xoves para compartir unha xornada de xogos populares. O encontro retomouse este anos tras varios anos de parón pola pandemia, e permitiu ao alumnado achegarse a distintos xogos tradicionais como as chapas, a petanca, a ra, os bolos celtas ou o pano, entre outros.
O alumnado do Ciclo Superior de FP de Educación Infantil do IES de Chapela foi o encargado de coordinar a actividade propoñendo e executando diferentes actividades lúdicas baixo a supervisión da súa profesora Eva Cortegoso Villar. Unhas propostas que foron secundadas por parte do profesorado dos distintos centros educativos.
Ademais de promover a recuperación dos xogos tradicionais da cultura popular galega, a finalidade desta iniciativa foi dar a coñecer ao alumnado de 6° de Primaria de Chapela o seu futuro instituto dunha forma lúdica. Así mesmo, pretendeuse poñer a estas nenas e nenos en contacto co alumnado actualmente en 2° da ESO, que o vindeiro curso xogará un papel moi importante de acompañamento ao novo alumnado do instituto. Concretamente, o IES de Chapela ten previsto pór en marcha no curso 2023-2024 un programa de mentorización entre iguais, coordinado polo Departamento de Orientación que dirixe Tamara Bermúdez Garea, polo cal o alumnado de 3° da ESO servirá de apoio e guía ao alumnado entrante de 1° da ESO. Búscase deste xeito facilitar a adaptación do novo alumnado ao centro e promover unha convivencia positiva baseada nas relacións de coidados mutuos.