Hoxe é Sábado 23 de Novembro de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Chega a Redondela a figura do pioneiro da fotografía e do cinema galego José Gil

josé gil foto

Un proxecto de recoñecemento promovido dende a Deputación de Pontevedra ao que foi o primeiro cineasta galego, pai do cinema “incomprensiblemente esquecido”. A programación inclúe actividades o xoves 27 orientadas a comunidade educativa e o domingo 30 a veciñanza en xeral.

José Gil (Rubiós-As Neves, 1870-1937) foi director, produtor e camarógrafo cando o cinema daba os seus primeiros pasos, en Galicia e en todo o mundo.  Rodou 150 filmes e fundou as primeiras produtoras cinematográficas de Galicia, malia iso ata agora apenas era coñecida a súa figura e a súa obra.

Co proxecto “José Gil. Pontevedra, provincia de cine. Na orixe do cinema” que arrancou nas Neves o pasado mes de febreiro e que chega esta semana a Redondela, promovido por Vía Láctea Filmes, coa colaboración de Cine na Rúa e Editorial Galaxia, e apoiado pola Deputación de Pontevedra, quérese corrixir ese inxusto esquecemento, e dar a coñecer ao que é, sen dúbida, o grande pioneiro do cinema en Galicia. Unha programación que busca dar a coñecer a figura de José Gil (As Neves, 1870-Vigo, 1937), quen realizou máis de 150 filmes documentais entre 1910 e 1935 aínda que case nada queda da súa obra (só se conservan 7 películas).

Unha programación que chega este xoves 27 e domingo 30 de abril á vila de Redondela, con quen Gil debía ter unha relación persoal polo interese que sempre amosou pola modernidade dos seus viadutos. Filmou “La fiesta de la Coca en  Redondela” en 1911, con imaxes das rúas e a animación popular. No mesmo ano unha chegada en tren da “Excursión viguesa a Pontesampayo”. En 1914 podemos velo no seu Ford “perseguindo” ao tren por unha estrada paralela á vía férrea dende Vigo a Redondela, na versión adaptada en 1914  de “El perro chico”, de Arniches. “La procesión sin santo” e “Vistas de Redondela” cos seus monumentos e viadutos en 1914, proxectadas en Buenos Aires.

Redondela terá, máis de 100 anos despois, a oportunidade de coñecer a traxectoria de Gil da man do seu biógrafo, Manolo González, autor do libro “Nos días encantados de agosto” (Ed. Galaxia).

A presentación deste libro forma parte do conxunto de actividades que se desenvolverán en Redondela, así como presentacións, coloquios, proxeccións e encontros arredor de Gil tanto para o alumnado e profesorado da vila como para público xeral. Tamén poderán asistir, o domingo 30 á 13h, ao concerto da Banda de Música Municipal de Redondela, que interpretará unha selección de temas relacionados co noso protagonista, en cuxa vida e obra a música tivo sempre un papel moi relevante.

En Redondela estará o CINEMÓBIL Nº3, camión de época que emula ao que Gil levaba a principios do século XX, dende o que rodaba e proxectaba cine, e que é tamén un pequeno museo itinerante a partir do que os visitantes poderán achegarse a unha época máxica, a do inicio da sétima arte, na que Galicia participou grazas á incansable labor de José Gil.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará