O artista Bernardo Seoane presenta a súa exposición “Tripulacións” dentro do marco do programa Artellando do Concello de Soutomaior. A mostra está acompañada de varios obradoiros para adultos e cativos e estará dispoñible ata o finais de maio no Multiúsos de Arcade.
O artista pretende concienciar sobre a segunda vida que podemos dar a moitos elementos que consideramos ‘lixo’ e que el utiliza para facer a súa arte. A través de elementos de refugallo dalle forma a figuras espectaculares de distintos tamaños e temáticas que divide en series. A serie que presenta en Tripulacións está centrada na robótica.
O xoves 11 de maio impartirá un obradoiro de balde para os máis cativos e cativas no que poderán facer o seu propio “robot” con materiais reciclados e lévalo a casa como xoguete. Seoane cree que é fundamental motivar aos nenos no uso da imaxinación e espertar a súa curiosidade, sobre todo a través de actividades manuais coma esta.
O artista é autodidacta e confesa que estivo inspirado polo programa de Arte Lixo de Redondela para a creación da súa obra. Leva participando na iniciativa dende o comezo e lembra a experiencia como “inspiradora e de moita utilidade para concienciar a xente sobre a importancia do reciclaxe”.
A mostra chamada Tripulacións está dispoñible ata finais de maio no Multiúsos de Arcade. O obradoiro infantil que imparte terá lugar o 11 de maio tamén no Multiúsos de Arcade e precisa de inscrición previa a través da OMIX de Soutomaior (638 82 28 68) ou nos correos cultura@soutomaior.com e omix@soutomaior.com .