O IES Illa de San Simón clasificase para a fase nacional da IV Olimpíada Científica Xuvenil Española, logo de que o equipo integrado por Carla Acosta, David Lago e Rubén Lago obtivera a mellor puntuación de toda Galicia de entre os 583 equipos que se presentaron á fase autonómica. O equipo “os raios de Redondela” competirá o vindeiro mes de xullo en Madrid para representar a España na fase internacional, que se celebrará en Tailandia en decembro. A fase consistiu nunha proba de matemáticas, física, química, bioloxía e xeoloxía dun nivel de 3º ESO avanzado.
Os pasados 23 e 24 de marzo celebrouse, de forma telemática, e aberto a participantes de todos os recunchos de España, a fase autonómica da IV edición da Olimpíada Científica Xuvenil Española. Nela, presentáronse 583 equipos de tres alumnos e alumnas cada ún, é dicir, 1749 participantes. O IES Illa de San Simón participou con dous equipos: “Os Raios de Redondela”, formado por Carla Acosta, David Lago e Rubén Lago; e “Centellas de Redondela”, formado por Elía Crespo, Xiana Martínez e Telmo Pérez.
A proba consistiu nun único exame telemático, cuxas preguntas requiren coñecementos de matemáticas, física, química, bioloxía e xeoloxía dun nivel correspondente a un 3º ESO avanzado. Trala avaliación das probas, o equipo representante de Galicia resultou ser “Os Raios de Redondela”, do IES Illa de San Simón, acreditando ser os mellores nesta fase.
Así, concursarán na Fase Nacional da Olimpíada, que se celebrará presencialmente en Madrid, concretamente en Alcorcón, os días 3, 4, 5, e 6 de xullo de 2023, xunto con outros 17 equipos de toda España. Os dous mellores equipos nesta fase representarán a España na fase internacional (International Junior Science Olympiad) que terá lugar do 1 ao 10 de decembro de 2023, e está previsto que sexa organizada pola Universidade Srinakharinwirot en Bangkok (Tailandia) con formato presencial.
Explican dende o centro que “a implicación do profesorado dos departamentos de matemáticas, bioloxía e xeoloxía e física e química na preparación destas probas e a boa disposición a participar nun evento de tanto nivel por parte do alumnado” propiciou uns resultados excelentes, entre os que destaca a actuación do equipo gañador en Galicia, “Os Raios de Redondela”.
Uns resultados que “poñen de manifesto o gran traballo que se está a desenvolver no centro educativo. onde, dende hai anos, estanse a desenvolver actividades relacionadas coa competencia matemática e científica tales coma o Club de Ciencias, o “problema matemático do mes”, a participación en feiras científicas da contorna, ou a semana do “Galimates”.