A forte tromba de auga produto da tormenta que se producía a media tarde de onte deixou numerosas incidencias en Redondela. Malia que as precipitacións se produciron durante tan só uns minutos ao redor das 18:00 horas, hai que lamentar danos en vehículos estacionados tanto na N-552 nas proximidades do Mercadona así como a rúa Subida a Estación pola caída de árbores e postes da electricidade. Un subministro que se viu afectado tamén por unha caída de árbores sobre o tendido eléctrico na zona de Reboreda que provocou un corte xeral na subministración de luz.
A comisaría da Policía Local de Redondela recibiu varias chamadas por mor de incidencias xeradas por unha tromba de auga e a treboada que se producía ao redro das seis da tarde de onte e que malia durar escasos minutos deixaba varias incidencias. Entre as máis salientables, destacan foi a acontecida na rúa Subida a Estación (detrás de Bolero), onde caería un poste cunha luminaria e o tendido eléctrico sobre un vehículo estacionado, sendo necesario retirar 3 vehículos máis debido a que había risco de caída doutra árbore que estaba apoiada no tendido eléctrico.
A rúa de sentido único para incorporarse a estrada N-552, permaneceu pechada ao tráfico durante 3 horas tendo que desviarse o tráfico. Ata o lugar achegouse un indicativo da Policía Nacional, así como varias dotacións da compañía eléctrica, a cal fíxose cargo de retirar o cableado e cortar a árbore que estaba en risco de caída.
Tamén se desprendía unha pola dunha árbore na propia estrada nacional, que afectaba a dous vehículos estacionados na beirarrúa.