Enrique Lago é o presidente da Asociación de empresarios
O presidente da Asociación de Empresarios, Enrique lago, pide responsabilidade aos partidos para negociar antepoñendo en todo momento Redondela así como a posta en marcha de cuestións de “vital importancia para o desenvolvemento socioeconómico do noso concello como é o Plan Xeral de ordenación municipal e outros proxectos de carácter estratéxico”.
A Asociación de empresarios lembra a urxencia de traballar en cuestións diversas entre as que destacan o tema industrial como os micropolígonos ou a instalacións de novas industrias. Propostas no ámbito comercial, turístico e empresarias a curto prazo nas que confían en poñerse a traballar co novo goberno en canto se poña en marcha este mandato a partir do 17 de xuño.
Un mandato para o que piden estabilidade, cuestión que entenden fundamental para poder avanzar nun novo modelo que permita desenvolver aqueles proxectos de carácter estratéxico necesarios para o desenvolvemento socioeconómico de Redondela.
Desde esta entidade empresarial, que conta cunha traxectoria de 38 anos e dende onde “podemos presumir de traballar con total lealdade institucional, pola marca REDONDELA por riba de todo” tenden a man para remar xuntos polo obxectivos comúns e traballar aliñados polo desenvolvemento dun ecosistema produtivo na procura do beneficio social e económico de Redondela.
Confía Lago que o futuro concelleiro ou concelleira que asuma as responsablidades de comercio e industria sexa quen de atender as súas demandas “porque o noso obxectivo é sempre ir da man polo ben de Redondela”.