Os populares acusan a Agrupación de Electores de faltar a súa palabra polo seu posible apoio a un goberno presidido por Rivas e amosan a súa desconfianza ante unha negociación PSOE-AER que “pretende disfrazar de pacto político o que non é máis que un acordo de intereses particulares no que ambas as partes pretenden garantir o seu futuro laboral para os vindeiros catro anos a costa dos cartos de todos os redondeláns”.
Amosan os populares o seu “asombro co cambio radical de AER”, que en escasos meses pasou de formular unha moción de censura a Digna Rivas a agradecer a súa xenerosidade nunha negociación que se encamiña a reeditar o goberno de coalición roto durante o último mandato.
Neste sentido lembran dende o PP que durante toda a campaña a mensaxe central de AER foi “a súa radical negativa a que Digna Rivas, a quen cualificaban como a peor alcaldesa da historia de Redondela, repetise mandato no concello” e lamentan que AER “falte gravemente a súa palabra consumando un acordo legal pero carente de toda lexitimidade por estar baseado nun total engano ao conxunto dos electores”
Afirman tamén os populares que os puntos que transcenderon deste acordo son extremadamente preocupantes para o futuro de Redondela e para os intereses dos veciños e poñen de manifesto a vontade de Rivas de “aceptar calquera condición a cambio de manterse no poder”.
Critican particularmente que se renuncie á creación do Grupo de Emerxencia Supramunicipal (GES), que se devolvan competencias medioambientais “ao responsable de crear unha situación insostible na praia de Cesantes pola súa postura sobre a retirada das algas” e que se delegue a competencia da recollida do lixo en AER “único grupo que propuxo unha suba de impostos”.
Cualifican tamén de “insulto á intelixencia” que se ofreza como garantía do acordo unha suposta penalización de 100.000 euros no caso de que Rivas incumpra “cláusula que carece por completo de eficacia xurídica”.
Os populares lembran que para evitar que se reeditase un goberno que entenden é nefasto para os redondeláns e tendo en conta que foron a forza política máis votada “cunha vantaxe de case dous mil voto e 12 puntos sobre a segunda opción preferida polos veciños” tentaron explorar diferentes posibilidades para dotar a Redondela dun goberno estable. Neste sentido lamentan as respostas recibidas polo resto dos grupos “un PSOE que se negou a manter calquera conversación, un BNG que aceptou unha reunión na que reiterou a súa vontade de non acadar ningún acordo que implique un goberno do PP e unha agrupación de electores que foi modificando os seus plantexamentos ao longo de todo este tempo”.