A Agrupación de Electores celebraba este mércores unha asemblea aberta co obxecto de explicar a súa decisión tanto de apoiar un novo goberno presidido por Digna Rivas, a quen eles vetaran inicialmente, así como de entrar a forma parte da futura colación de esquerdas. Unha reunión, que malia a expectación xerada en redes así como pola existencia dunha mensaxe anónima a través do wassap que animaba a veciñanza a acudir para “cantarlles as corenta”, non reuniu a máis de 70 veciños.
Daniel Boullosa, Roberto Villar, Cuni Orge e Miguel Angel Cabaleiro ocupaban o escenario dun auditorio no que non faltaba a presenza policial, en temor a que se puidera producir algún altercado logo de que na mañá de onte apareceran carteis en diferentes puntos do concello nos que se acusaba aos membros de AER de “venderse” por un salario.
Con todo, foron poucos os que acudiron a esta asemblea que en xeral transcorreu con tranquilidade, agás nalgún momento puntual cando o público tomou a palabra e criticou airadamente a AER a súa “falta de palabra por pactar con Rivas cando no seu momento a cualificaran como a peor alcaldesa do municipio”.
O portavoz de AER, Cuni Orge, aproveitou para insistir, en resposta a unha pregunta do público, que a única persoa de AER que estará dentro do concello exercendo a súa función de concelleiro será Roberto Villar. Desmentían así os ruxe ruxe de que “ademais do edil electo habería outro representantes de AER traballando no concello”
Insistían tamén na idea de que a Agrupación de electores é soberana para tomar as súas decisión e que no seu intento de interpretar os resultados das urnas entenden que toman a mellor das decisións posibles entre as alternativas da que dispoñían
Neste sentido lembraron todo o proceso que os levou non só a “recuar” na súa decisión de non apoiar unha alcaldía en mans de Digna Rivas senón tamén na súa decisión inicial de non entrar no goberno. “Unha vez que a alcaldesa en funcións nos traslada que non vai dimitir e tamén o candidato do BNG rexeita unha posible alcaldía nacionalista quedábannos tan só dúas alternativas: tragar con Digna Rivas ou tragar con Javier Bas. E optamos por Rivas porque ela falloulle a AER pero Bas falloulle a toda a cidadanía de Redondela cando fuxiu do Concello hai catro anos”
Un pacto que insisten non é gratuíto e que queren asegura co documento ante notario no que Rivas se compromete a doar 100.000 euros do seu patrimonio persoal a unha ONG no caso de que o incumpra