O Festival Sinsal SON Estrella Galicia sorprenderá esta fin de semana o público que acuda un ano máis á Illa de San Simón para gozar cun cartel musical secreto e que estará conformado por 26 bandas procedentes de 18 países. Un secretismo que non impide o apoio do público, tal e como o demostra a venda de entradas, que xa levan días esgotadas.
O cartel de Sinsal Son Estrella Galicia, secreto ata que o público comece a desembarcar hoxe mesmo na illa. A organización, para manter a sorpresa desta edición, só adiantou que nove das formacións actuarán por primeira vez en España. Estes debuts, que se sucederán durante tres días nos catro escenarios cos que conta Sinsal este ano, fortalecen a vontade do festival por innovar e o seu carácter como porta de entrada para propostas musicais de vangarda da escena internacional.
O programa de Sinsal SON Estrella Galicia complétase, como é habitual, cunha serie de actividades paralelas á oferta musical, con experiencias divulgativas, deportivas ou documentais. Neste senso, cómpre destacar o proxecto A Escola Sinsal, que inclúe entre outras accións unha exposición sobre a historia do casete, ou a participación do experto en gravacións de cilindro fonográfico Aleks Kolkowski.
Ademais, baixo o lema Descubre San Simón aglutinaranse diferentes accións, como unha ruta polo arquipélago formado polas Illas de San Simón e Santo Antón para coñecer a súa historia, ou as visitas guiadas que ofrecerá o investigador Xosé Lois Guitérrez Faílde.
O director da Axencia das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, e a deputada da Deputación de Pontevedra, Sandra Bastos, desprazáronse onte ata San Simón para visitar a montaxe dos escenarios deste festival na compaña dos seus responsables, Luís Campos e Julio Gómez, e representantes doutros patrocinadores da iniciativa privada.
A visita transcorreu polas dúas illas do arquipélago, cuxo patrimonio natural e cultural lle outorga unha especial singularidade a este encontro, recoñecido pola crítica musical a nivel estatal por brindar unha coidada selección de nomes de vangarda.