O curso escolar arrancou este pasado luns e xa apareceron as primeiras queixas que afectan a numerosos centros de todo o país debido a escaseza de prazas que existen nos autobuses que dan servizo aos institutos. Nesta situación atópase tanto o Ies Mendiño como o Floriani, centros que reciben alumnado que precisan deste servizo para se desprazar dende as parroquias aos institutos.
No caso do IES Mendiño con máis de 400 alumnos procedentes de Cesantes, Quintela e Cedeira “hai numerosas familias cuxos fillos quedan sen transporte por estaren cursando Bacharelato ou, malia cursar ESO, atoparse a menos de dous quilómetros do centro”. Unha normativa que a Xunta aplica o que fai que estes rapaces teñan que desprazarse nalgúns casos por estradas perigosas, con moito tráfico e pouca visibilidade ou depender das súas familias para que os traian ao centro.
O director do Mendiño, José Antonio Martínez explica que o Instituto contra con varias liñas de transporte escolar para o alumnos de ESO do centro e, no caso de existiren prazas libres, poden ser ocupadas por alumnado de Bacharelato que o solicitara na matrícula. Un alumnado que está a quedar fóra do servizo porque as prazas son escasas e poñen como exemplo o caso de Cesantes “con 55 prazas hai 59 de ESO e 27 de bacharelato” o que provocou que perderan o dereito a uso o alumnado de Eso da parada de San Pedro e todo o de maior idade.
Detectáronse problemas semellantes no caso de Quintela, onde o minibús que vén desta parroquia non puido recoller todo o alumnado.
Dende o Concello están a mediar nesta problemática “sabemos que o edil iván Valles está a traballar no asunto pero tamén somos consciente de que é competencia da Consellería”.
Na vindeira semana teñen previsto reunir ás familias para falar deste asunto e non se descarta que a Anpa poña en marcha mobilizacións.