Un cento de persoas convocadas pola Federación de Anpas Redondela participaban na tarde noite de hoxe nunha nova protesta na que lembraron, unha vez máis, que os mozos e mozas que cursan bacharelato ou ciclos “seguen sen praza no transporte escolar nin alternativa axeitada para desprazarse dende as parroquias aos institutos Pedro Floriani e Mendiño” e demandaron dos políticos “accións concretas que resolvan o problema”.
O mal tempo non impediu que a comunidade educativa volvese á rúa para demandar que se garanta a todo o alumnado un transporte público e eficiente porque no caso contrario “estase vulnerando o dereito a un ensino público de calidade” tal e como explicaba unha representante de Foanpas Vigo.
Baixo os paraugas un cento de persoas, entre os que se atopaban representantes políticos, profesores, nais, pais e alumnado concentráronse ás portas do Concello co obxecto de facer oír as súas demandas para que todos os alumnos de infantil, ciclos e bacharelato poidan contar cun xeito de transporte público que lles permita acceder aos seus centros de ensino.
Facía fincapé o presidente da Federación, José Manuel Lago en que esta situación tradúcese en “nenos tirados nas paradas ao non deixárenlles subir ao autobús, nenos chegando tarde ou nenos e nenas esperando horas nos centros para poderen regresar as súas casas”. Unha situación que, insistía “non está a pasar no Courel ou nos Ancares, son nenos e nenas que viven en Cedeira, Cabeiro, Cesantes, Negros, O Viso, Quintela, Trasmañó Saxamonde, Ventosela ou Vilar” e que complica enormemente a conciliación “xa que son os pais e nais os que teñen que achegalos ao instituto para garantir que chegan a tempo”.
Ao berro de “queremos bus” os alí concentrados reclamaron ao Concello e a corporación “que traballen xuntos” para atopar unha solución de maneira inmediata a unha problemática que vén de lonxe “que se repite ano tras ano debido a unha normativa da Consellería que está desfasada e que é anómala, polo que temos que esixir que esa eiva se corrixa”.
Instaron tamén a actuar ao goberno local “agradecemos o traballo feito dende a Concellería de Ensino e dende o Concello pero a foto que queremos é aquela na que anuncien unha solución ao problema”.