Hoxe é Sábado 23 de Novembro de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Antonio Tizón: “Hai que normalizar o trastorno mental, aínda hai moitos prexuízos, estigmas e moito camiño por percorrer”

antoni otizón

A Asociación Lenda organiza este xoves 16 de novembro ás 11:30 no Centro Sociocomunitario de Redondela (auditorio José Figueroa) un encontro co escritor Antonio Tizón, coa proxección e posterior coloquio do seu proxecto “Non hai Espellos nos Manicomios”, un traballo multidisciciplinar sobre saúde mental que nace cunha dobre finalidade: artística e cultural e de sensibilización social.

Escritor afectado por unha enfermidade mental, Tizón ten claro que é preciso falar destes temas para darlle visibilidade e dar pasos de cara a eliminar todos eses estigmas que aínda perseguen ás persoas con enfermidades mentais. Nos últimos anos a raíz da pandemia e do incremento deste tipo de patoloxías “hai unha certa normalización, pero aínda hai moito descoñecemento e moito camiño por percorrer”.

Salienta neste sentido o traballo que desenvolven asociacións como Lenda cuxa labor integradora é evidente en Redondela “unha asociación que ten dúas sedes no centro da vila, cando noutros concellos están afastadas por ese medo que aínda rodea ao enfermo mental”.

Un traballo de visibilización no que el está inmerso dende hai anos a través do seu traballo literario, coa publicación de catro novelas -a quinta está en fase de elaboración- todas elas novela negra pero onde se aborda a enfermidade mental coa intención de entreter ao lector pero tamén dar a coñecer un trastorno como o que el mesmo padece, o trastorno bipolar.

Sería no 2015, cando publica a novela “A antesala luminosa” de Xerais, unha serie que ten como protagonista principal o policía Xosé Sánchez Pereiro, e que, en clave de xénero negro, pretende abordar, dende distintas perspectivas, o tema da saúde mental.

A esa serie pertencen tamén as novelas “Un home estraño” (2018), Premio Cidade Centenaria de Ribeira, “Os incurábeis” (2020) e “Lobos doentes” (2023). Como poeta publicou “Non hai espellos nos manicomios” (2019) que se transforma nun audiovisual baixo a dirección de  Aser Álvarez. Un breve percorrido pola vida de Antonio Tizón, a biografía dunha superación, a historia dunha persoa que padece un trastorno bipolar dende hai anos.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará