Satisfacción no CEIP de Laredo logo de recibir o premio que a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade concede no marco do concurso convocado polo Día Contra a Violencia de Xénero que se conmemora o 25 de Novembro. O de Chapela foi o único centro de primaria de Galicia galardoado nesta categoría por unha curtametraxe que será estreada o propio 25N nun acto na Cidade da Cultura coa representación do alumnado que participou no proxecto.
A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade premiou os traballos gráficos e audiovisuais de dez centros escolares galegos no marco do concurso convocado polo Día contra a Violencia de Xénero, que se conmemora o 25 de novembro. Entre os distinguidos hai escolares de Pontevedra, Salceda de Caselas, Nigrán e Chapela.
Na modalidade audiovisual, o xurado valorou como mellor traballo Que o teu espello sempre che devolva o teu sorriso, dun grupo de segundo de Eso do IES Camilo José Cela de Padrón. O segundo premio foi para Que non che digan que non podes, de 5º e 6º de Primaria do CEIP de Laredo, en Chapela.
Na categoría de imaxe gráfica —para 5º e 6º de primaria e 1º e 2º de Eso e educación especial— a galardoada é unha alumna de primeiro de secundaria do colexio Montesol de Salceda de Caselas, polo seu traballo Deixa aflorar a túa cara máis brava. Plántate!. O segundo premio recaeu nunha estudante moza de 2º do IES Luís Seoane de Pontevedra, pola proposta Non teñas medo de ser quen es’ .
O departamento autonómico destacou que as propostas individuais e colectivas deste ano destacan pola súa orixinalidade e reflexión, primando as mensaxes de concienciación e prevención.