Bruno Arias (1998) é un cineasta vigués que acaba de presentar a súa ópera prima “Os espazos en branco” (2023). A longametraxe estreouse o 17 de novembro no festival Cineuropa en Santiago de Compostela e trata de forma documental a vida da escritora, mestra e poeta Xela Arias. Unha muller cunha relación moi estreita con Redondela a través do seu traballo como docente no IES Chapela e que ademais é a súa tía.
A sinopse xira en torno aos recordos que ten Bruno sobre a súa tía, a persoa que máis influíu na súa vida. A súa tía Xela morreu cando el tiña 5 anos e só lle quedan dela as memorias doutras persoas. É por iso que, 20 anos despois, Bruno decide transitar as caras e lugares que viviron a súa tía para dar luz a este conflito interno a través da primeira herdanza que lle deixou: o impulso creativo.
As entradas esgotáronse todas o primeiro día en que saíron. Este interese na súa figura foi crecendo dende que a Real Academia Galega acordou dedicarlle o Día das Letras Galegas en 2021. Dous anos despois, o seu sobriño estrea a súa película e o público demostra ter ganas de querer saber máis sobre unha muller que en vida non tivo tanta repercusión, pero que deixou un legado inmenso co seu traballo escrito.
O director confesa descubrir facetas de Xela que non coñecía e que impactaron na súa perspectiva aínda que a mirada é subxectiva. Pon o exemplo da súa profesión como docente que rematou no IES Chapela, onde repercutiu notablemente na vida das persoas coasque conviviu e os seus alumnos. Por todos estes motivos, a biblioteca da parroquia redondelán leva o seu nome.
“Os espazos en branco” é a primeira longametraxe de Bruno Arias, da que é director, coguionista e comontador. Despois da estrea en Cineuropa o documental fará un percorrido polos festivais nacionais e no futuro espera “poida estrearse tamén en Redondela, por todo o cariño que demostra o municipio cara Xela”.
FICHA TÉCNICA DE “ESPAZOS EN BRANCO”:
Título: “Os espazos en branco”.
Xénero: Documental. Longametraxe de “non ficción”
Ano: 2023.
Duración: 77 min.
Formato: 4K DCI / Dolby 5.1
V.O.: galego
Subs.: inglés, castelán.
Dirección: Bruno Arias.
Guión: Lucía Ramiro e Bruno Arias.
Produción: Álvaro Liste.
Dirección de producción: Bea Villar.
Música: Dani Cornes.
Fotografía: Miguel Gomar.
Arte: Antía Carreira.
Montaxe: Bruno Arias e Laura Piñeiro.
Intérpretes: Melania Cruz, Sheyla Fariña y Lidia Veiga.
Empresa produtora: Serea Film.