O colectivo Sinha Paca en colaboración co Servizo de Normalización Lingüística estarán este sábado recollendo sinaturas co obxecto de sumarse a unha iniciativa da Mesa Pola Normalización Lingüística que esixe ás televisión públicas o cumprimento da Iniciativa Xabarín aprobada por unanimidade no Parlamento Galego en maio de 2021 e que reclama contidos en galego para o público infantil e xuvenil. As persoas que queiran asinar poderán facelo este sábado en horario de 11h a 14 horas nos soportais do Concello.
No acordo, aprobado por todos os partidos presentes no parlamento galego hai xa dous anos, reclamábase que as canles públicas de televisión aumentaran a oferta en galego destinadas a infancia e a xuventude así como que se promoverían as catro canles dixitais Xabarín coas que conta a RTVG e que o sinal destas canles sería distribuido a través dos paquetes básicos das operadoras de televisión por fibra óptica, satélite, adsl e tecnoloxía móvil. Tamén incluia outras medidas que buscan garantir que a poboación menor de 12 anos poidan acceder a contidos en galego.
Con todo, a día de hoxe a programación infantil e xuvenil en galego segue a ser residual pasando a TVG2 de 73 horas semanais en 2017 a tan só 20 en 2023 e cunha canle infantil pública Clan TVE onde non hai contidos en galego.
Ademias da recollida de sinatura dende Sinha paca non descartan poñer en marcha outras iniciativas co obxecto de que se cumpra o acordo do Parlamento.