Hoxe é Sábado 23 de Novembro de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Redondela acende o Nadal: 895.000 luces led

alumeado

O Concello celebra esta fin de semana o prendido das luces de Nadal. O sábado será en Redondela ás 20:00 horas nunha xornada festiva con actividades que arrancarán xa ás seis da tarde cun concerto de Uxía Lambona e a Banda Molona. En Chapela a cita será o domingo ás 19:45 horas na Alameda Rosalía de Castro. A decoración de Nadal deste ano suma máis de 5.000 metros cadrados de alumeado, 600 elementos decorativos, 200 arcos e 895.000 luces led.
O acendido en Redondela será na praza do Concello ás 20.00 horas do sábado día 2 de decembro. As actividades comezarán ás 18.00 horas cun concerto para público infantil e familiar con Uxía Lambona e a Banda Molona. A partires das 19.00 horas os pasarrúas de Latexo Percusión e as Aves do Paraíso de Barafunda encherán de música e cor as rúas do centro da vila, con saída desde a praza de Ribadavia acompañados coa Coca Simona.
En Chapela o acendido das luces terá lugar o domingo 3 de decembro ás 19:45 horas na Alameda de Rosalía de Castro. As actividades para festexar o comezo do Nadal contarán con teatro, música e animación. Ás 17.00 horas Teatro ao Cubo representará o espectáculo Ghop!!, para público infantil e familiar. A música chegará da man de Paco Nogueiras ás 18.00 horas co seu último traballo “C@nto contigo”, e ás 19.00 o espectáculo Aves do Paraíso de Barafunda e a Coca Simona. As luces prenderanse ás 19.45 horas.
A iluminación de Nadal estenderá por todas as parroquias do municipio. A concelleira de cultura, Rita Pérez, concretou que neste Nadal empregáronse “máis de 5.000 metros cadrados de iluminación, con 200 arcos de luz e 600 elementos decorativos cun total de 895.000 luces led”. As rúas do municipio lucirán cos motivos do Nadal, ao igual que as prazas, alamedas, xardíns e elementos singulares como o mercado municipal ou o antigo viaduto.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará