Foto: Policía Local
A rápida actuación dos servizos de extinción evitou a propagación do lume. Malia os importantes danos materiais na vivenda non hai que lamentar danos persoais. O incendio iniciouse preto da medianoite, alcanzando unha dimensión considerable cando os bombeiros chegaron ao lugar. Foi extinguido ao redor das 2:30 da madrugada.
O lume orixinouse no faiado dunha vivenda na rúa do Muro en Redondela. Dende o 112 Galicia explican que cinco minutos antes da medianoite un particular chamou para alertar de que estaba ardendo o faiado dunha casa. Activouse a continuación un operativo no que participaron os Bombeiros do Porriño, Morrazo e Vigo, así como os axentes da Policía Nacional e Local e membros da Agrupación de voluntarios de protección Civil de Mos.
Os bombeiros comprobaron unha vez no lugar que o incendio tiña acadado unha dimensión considerable, afectando a zona alta dunha vivenda de varios andares. Ademais, a presenza dunha nave nas inmediacións na que había pneumáticos almacenados ameazaba con complicar as tarefas de extinción no caso de propagarse o lume. Afortunadamente lograron controlar as lapas e apagalas antes de que se propagaran a outras zonas.
Ao finalizar a intervención indicaron que o faiado ardera na súa totalidade así como os electrodomésticos que estaban alí almacenados, mentres que o lume afectou ao teito que acabou derrubando.
O lume deuse por extinguido ao redor das 2.30 da madrugada, non tendo que lamentar danos persoais, pero si importantes danos materiais na vivenda afectada. De feito, a familia tivo que ser realoxada ante a imposibilidade de seguir empregando a casa. Malia que a investigación está aberta para coñecer as causas do incendio todo apunta a un fallo elétrico.