O voceiro nacionalista denunciou no pleno celebrado onte a “actitude antidemocrática dunha das concelleiras do PP” durante a xornada electoral que, segundo afirmou o edil Xoán Carlos González tería obstaculizado o voto dalgúns electores e requirido continuamente datos a mesa. A aludida, a concelleira popular Ana Alonso negou rotundamente os feitos e acusou ao voceiro do Bloque “de manter unha actitude prepotente e machista” contra a súa persoa de xeito reiterado.
Un enfrontamento que hoxe ambos os dous partidos continuaron nas redes. Así o BNG asegura que o pasado domingo o PP de Redondela tería empregado tácticas de presión nalgúns colexios electorais. Concretamente acusan a edil popular Ana Alonso de dirixirse aos electores, obstaculizar o dereito ao voto e requirir continuamente datos á mesa, creando un ambiente de tensión constante no Centro Cultural de Cedeira.
Dende o PP pola súa banda instan ao voceiro do Bloque a que pida desculpas por estas palabras e retire o dito no vindeiro pleno engadindo que “desgraciadamente esta non é a primeira vez que isto sucede con este voceiro, o cal no ano 2021 foi reprobado por empregar expresións machistas cara outra concelleira”.