O CCD Cesantes-Rodavigo, na súa dedicación ao remo, conta con 40 anos de experiencia competindo a nivel galego e estatal. Conseguiron consolidar a traiñeira masculina na primeira categoría da Liga Galega e a presenza da de veteranos. Ademais, lograron en 2023 confeccionar unha traiñeira feminina por primeira vez na súa historia. A pesar do seu continuo crecemento atópanse nunha situación complexa na que precisan mellorar as instalacións para dar cabida aos máis de 100 remeiros e remeiras cos que contan federados.
O club comezou a tempada coa I Liga Galega de Bateis, unha novidade en Galicia e que a Federación está aínda axustando ás necesidades dos clubs. Tiveron que suspender dúas regatas, unha delas en Cesantes polas malas condicións meteorolóxicas, pero continúan coas competicións que segundo o adestrador “permiten modificar a técnica e mellorar as estratexias para enfrontarse á Liga Galega de Traiñeiras”.
Unha vez remate a LGB, terá lugar a competición de Traineriñas, para dar paso o 30 de xuño á Liga Galega de Traiñeiras 2024 na que participan 25 clubs de toda a comunidade. O Presidente do club, Jorge Rodríguez, pon como obxectivo “superar os resultados do ano pasado e intentar competir nas mellores condicións para escapar da zona de play-off”.
As instalacións situadas na Praia de Cesantes teñen 40 anos, os mesmos que o propio club, e o seu mantemento non sería posible “sen a dedicación da directiva e os remeiros” que adecuan e arranxan os espazos para acomodar aos deportistas. Jorge agradece á Confraría de Pescadores pola cesión dos vestiarios para que “as rapazas poidan cambiarse e competir con algo de confort”.
Levan anos traballando co Concello de Redondela e a Xunta de Galicia para atopar unha solución que esperan, froito das últimas reunións, “sexa a curto prazo”. Mentres, preparan a regata do 17 de maio , Día das Letras Galegas. A directiva anima ao público a achegarse a esta competición e desfrutar do que consideran “o mellor paisaxe para unha regata, coa Illa de San Simón e o esplendor da nosa ría de fondo”.