O icónico establecemento de hostalaría da Xunqueira foi asaltado na madrugada do luns para o martes. O botín foi elevado, xa que malia non atopar unha gran cantidade de cartos na caixa rexistradora levaron a recadación da máquina de tabaco, así como paquetes de cigarros, bebidas e outros produtos que venden no local. A Policía Nacional investiga agora como puideron acceder ao interior do mesmo sen forzar as portas.
Os ladróns terían accedido durante a noite do pasado luns ao interior da cafetería churrería situada ao carón da pista da Xunqueira e os xulgados. Unha vez no local os delincuentes apropiáronse dos cartos da máquina de tabaco así como o cambio que había na máquina rexistradora. Con todo, a maior perda económica estaría nos produtos que levaron: botellas de bebidas alcohólicas e refrescos así como lambonadas e outros produtos que se venden no bar. Tamén se fixeron co tabaco que había na máquina.
Foi o propietario do local o que se decatou do acontecido na mañá de onte cando se dirixiu a abrir o negocio e atopou todo o interior revolto. A Policía Nacional fíxose cargo da investigación e, malia que en principio non houbo ningunha testemuña, visionarán as cámaras do xulgado para tentar atopar ao autor ou autores do roubo.