A charla, organizada polo BNG da localidade, xirará en torno “A importancia dunha Atención Primaria forte e con recursos” e terá lugar este venres ás 20:30 horas no Multiúsos de Arcade. No acto abordarase a situación de precariedade da sanidade pública galega, con especial énfase na Atención Primaria, como consecuencia “das políticas de recortes que durante anos está a aplica o PP na Xunta de Galicia”. Os nacionalistas anuncian máis iniciativas na rúa, no concello e no Parlamento galego de cara ás vindeiras semanas.
Intervirá Iria Carreira, deputada do BNG no Parlamento Galego e médica de familia; Carmen Núñez, concelleira e portavoz do BNG en Tui e tamén médica de familia; e Gonzalo Otero, membro do BNG de Soutomaior. Recolleranse tamén sinaturas en defensa da sanidade pública na localidade.
O responsable local do BNG de Soutomaior, José Costas, animou á veciñanza a asistir ao acto deste venres, xa que “será unha magnífica oportunidade de coñecer cal é a situación real da sanidade pública galega da man de dúas profesionais do sector sanitario, e como lle afectan aos veciños e veciñas os recortes que o PP na Xunta leva anos a impoñer en toda Galicia”. Uns recortes que no caso de Soutomaior exemplifícanse no feito de que levan máis dun ano e medio sen pediatra.