Na sesión plenaria celebrada na noite do martes a corporación aprobou outras cuestións de trámite, como o nomeamento do alcalde, Xaime Rei, como representante do Concello na Autoridade Portuaria, tamén o soterramento da liña de media tensión nas inmediacións do río Pexegueiro. No apartado de mocións a proposta do BNG para que o Concello se sumase á convocatoria de folga foi rexeitada cos votos en contra de populares e socialistas, e a abstención do Partido Galeguista.
O Concello de Redondela celebrou na tarde noite do martes o pleno ordinario correspondente a este mes de setembro no que se aprobou provisionalmente o regulamento municipal para o servizo de taxis. Neste punto o PP abstívose, alegando que existían varias reclamacións por parte dos propios taxistas, polo que solicitaron do goberno local que aclarase con eles eses problemas antes de aprobar o regulamento. Desde o PsdG o concelleiro José García Míguez explicou que despois de reunirse en varias ocasións cos afectados non se chegou a un acordo, polo que se levou a pleno a aprobación provisional do regulamento, e unha vez se publique, contarán cun mes de prazo para presentar alegacións. O regulamento foi aprobado cos votos a favor de todos os grupos, agás a abstención dos PP. Tamén se aprobaron outras cuestións de trámite, como o nomeamento do alcalde, Xaime Rei, como representante do Concello de Redondela no Consello de Administración da Autoridade Portuaria de Vigo. A proposta aprobouse cos votos en contra do PP, que solicitou que fose un concelleiro do seu partido o que representase a Redondela, ó tratarse do “partido máis votado” nas últimas eleccións municipais. O resto dos puntos da orde do día consistiron en trámites como certificados de fin de obra e o soterramento, por parte de Fenosa, da liña de media tensión nas inmediacións do río Pexegueiro e a zona da Marisma.No apartado de mocións a proposta do BNG para que o Concello de Redondela se sumase á convocatoria de folga centrou boa parte do debate. A moción foi rexeitada cos votos en contra de populares e socialistas, e a abstención do Partido Galeguista.