O concello viuse na obriga de habilitar os pavillóns da vila ante a masiva afluencia de peregrinos durante os meses de xuño, xullo e agosto. Os camiñantes con nacionalidade española son os máis numerosos pero este ano destaca un incremento de americanos, coreanos e ingleses.
O Albergue de peregrinos da Casa da Torre e o pavillón municipal acolleron dende o mes de xuño e até finais de setembro a 10.633 peregrinos que fixeron parada na nosa vila no seu camiño cara Santiago de Compostela. O mes de maior afluencia foi o de agosto, cun total de 4.080 peregrinos, dos que 2.796 pasaron a noite no pavillón e 1.284 na Casa da Torre. No mes de xullo foron case mil menos os visitantes con 1.756 peregrinos aloxados no pavillón de deportes e 1.156 no albergue, mentres que no mes de xuño foron 2,215 os camiñantes que pasaron pola nosa vila e pasaron a noite nela. O final das vacacións fíxose notar no mes de setembro onde o número de camiñantes caeu até os 1.426. Unha afluencia de peregrinos que xa comezaba a comezos de ano. Dende xaneiro até o mes de xuño foron preto de 3,000 as persoas que pernoctaron na Casa da Torre. A maior confluencia de peregrinos na vila deuse entre o 31 de xullo e o 2 de agosto con 2.600 camiñantes, con grupos de novecentas e oitocentas persoas o que obrigou a repartilos en varios pavillóns.Peregrinos que chegan, na súa maioría, de distintos lugares da Península, aínda que este ano rexistrouse un incremento de camiñantes procedentes dos Estados Unidos, Canadá, Corea, Gran Bretaña, Ecuador, Guatemala ou México.