O plan de axustes anunciado polo goberno atópase cun amplo rexeitamento social. Tamén no caso dos veciños de Redondela, que apostan por outra medidas como os incentivos para aqueles que queiran prolongar a idade laboral. A sociedade rexeita de pleno que en traballos como o mar ou a construción se teña que traballar ata o 67 anos, e convidan ó goberno central a recortar gastos noutras partidas, como os coches oficias e os servizos de escolta.
O contexto de crise económica levou ó goberno central a poñer enriba da mesa unha serie de duras medidas para reducir o déficit. Entre elas a criticada reforma laboral, o recorte salarial ós funcionarios, a conxelación das pensións e, tamén, o atraso na idade de xubilación dos 65 ós 67 anos. Medidas impopulares que, nalgúns casos, están aínda á espera de que se apliquen. E tanto desde a UE como propio Banco de España están a meter présa ó goberno para que as faga efectivas. Mentres a sociedade amósase rotundamente en contra. En Redondela, os veciños téñeno claro, “non é lóxico” atrasar a idade de xubilación, sobre todo en sectores “duros”, como o mar ou a construción, cando ademais se rexistra unha elevada taxa de paro entre os mozos. Un grupo de operarios municipais salientaba nestes micrófonos que os 65 anos é idade “máis que suficiente” para xubilarse, sobre todo en sectores que requiren dun importante esforzo físico. Outros veciños, como Ferreira, critican a actitude do goberno e apostan por recortar gastos doutras partidas que considera un mal gasto, como os “coches oficiais e os escoltas”. Pilar, unha veciña de Cedeira e doutora de profesión, poñía tamén de relevo outro problema engadido ó atraso na idade de xubilación, que levaría a moitos traballadores a pasar os últimos anos solicitando baixas laborais. Celso, un pensionista redondelán, matiza tamén que, “se os que están agora a traballar non se xubilan”, non quedarán postos de traballo para os mozos, “que son os que agora teñen que cotizar”. Un destes mozos é Jose Antonio, un veciño de Redondela de 29 anos que está no paro. El é rotundo ó afirmar que as medidas do goberno de Zapatero “non van servir para nada”, amósase moi pesimista co futuro e augura que o próximo ano “vai ser peor” en sectores como a automoción e o naval. José Antonio entende que “o que tería que facer o presidente é dimitir”. Mentres os expertos en economía apuntan medidas alternativas ó atraso na idade de xubilación, como elevar de 35 a 38 anos o tempo de cotización para percibir unha pensión completa. Outra que tería efecto inmediato sería subir de 15 a 17 anos o período mínimo de cotización para ter dereito a unha pensión .