A primeira metade desta liga non deixou moi bos resultados para o equipo de Soutomaior, que ocupa a 15ª praza da Primeira Autonómica. Con todo, no club agardan mellorar os seus resultados, agora que o equipo está xa “máis rodado” e contan con novas incorporacións con máis experiencia. A primeira cita da segunda volta será nun dos campos máis complicados da categoría, o do Salvaterra, 3º clasificado.
Esforzo non falta, traballo duro e confianza, tampouco. Así de optimista se amosa o presidente do Arcade, Daniel Álvarez, neste ecuador da temporada. O equipo vén de rematar a primeira volta sen colleitar os mellores resultados. Despois da derrota do pasado domingo no campo do San Martín, agora son 15º, co que non conseguen abandonar a parte baixa da táboa. Con todo, a directiva confía no equipo e no adestrador. A situación deste equipo de Soutomaior é a que atravesan outros moitos conxuntos, xa que existe moita igualdade da metade da táboa cara abaixo. Álvarez sinala que o hándicap deste equipo é que se trata dun conxunto “moi novo”, sen experiencia na categoría, e iso notouse sobre todo nas primeiras xornadas. Unha vez transcorrida a primeira metade da liga, no club constatan unha importante melloría, por iso confían en que na segunda volta os resultados melloren tamén. Pero a primeira cita desta segunda volta téñena cun rival complicado. Volverán xogar como visitantes, no campo do Salvaterra, un dos equipos máis fortes da categoría, que actualmente é terceiro. Con todo, en Arcade non dan o partido por perdido, aseguran que sairán “a buscar a vitoria”, para comezar a sumar os puntos que precisan para salvar canto antes a categoría.