Baixo o título de “As razóns da Folga Xeral” o BNG de Redondela convoca aos veciños a un acto informativo no que participarán o responsable de organización do sindicato CIG, Anxo Igrexas e a delegada sindical Ana Santomé. Será o xoves día 20 ás oito da tarde na Casa da Cultura.
Con este acto, que estará presentado polo responsable local do BNG, Xoán Carlos González, o partido nacionalista quere trasladarlle aos veciños os motivos polos que é preciso secundar a convocatoria de folga prevista para o vindeiro xoves 27 de xaneiro.
Ao entender do Bloque as “pretensións do goberno de Jose Luís Rodríguez Zapatero de atacar un dos piares básicos do sistema de benestar, como son as pensións, non é máis que unha constatación dunha liña totalmente errada” dun partido o PSOE que está a desenvolver “unha clara política de dereitas ao tentar reducir unha vez máis, os dereitos das clases traballadoras”.
Engaden tamén que é o PP quen está a marcarlle o camiño ao goberno cunha firme defensa “desta liña neoliberal na que son os traballadores, as pequenas empresas e autónomos, os que van pagar a crise que non provocaron”.
Atacan tamén dende o BNG a política que están a desenvolver os sindicatos CCOO e UXT e que cualifican de “auténtico paripé” mentres defenden a convocatoria de folga xeral feita dende a CIG como un “exercicio de responsabilidade e compromiso co país”.