Os extraballadores do Grupo Municipal de intervención Rápida reclaman que se recoñezan os seus postos e que se lles contrate de xeito estable. Lembran que a Lei de Emerxencias de Galicia establece a obrigatoriedade para todos os concellos de máis de 20.000 habitantes de contar cun servizo de emerxencia que a día de hoxe non existe en Redondela.
Tres ex membros do Grumir de Redondela veñen de presentar no Xulgado unha denuncia contra o Concello argumentando “fraude de lei” ao considerar que dende a Administración se lles estivo contratando de xeito irregular nos últimos anos. Lembran que levan varios anos traballando no servizo contratados por períodos de entre 7 e 9 meses cando as bases establecidas para este tipo de contratos, subvencionados pola Xunta, recolle que non se pode contratar por un período superior a nove meses a un traballador que estivese no mesmo servizo nos tres anos anteriores. Os denunciantes Ismael Guisande, Domingo Tojeiro e Jonathan Martínez reuníronse co responsable de protección civil, Eduardo Reguera para reclamar que se recoñeza que os seus postos son de carácter estable. Sen embargo, a contestación que recibiron do concello foi que non se lles poden facer contratos estables en base a un informe da Secretaria municipal quen sinala que o servizo non é necesario. Pola súa banda, os operarios agora despedidos lembran que a Lei de emerxencias de Galicia decreta que os concellos de máis de 20.000 habitantes teñen a obriga de contar cun servizo para atender as emerxencias as 24 horas “algo que a día de hoxe non existe en Redondela onde tan só hai dúas persoas contratadas de xeito estable para desenvolver esta labor”. Entenden que si concellos como Ponteareas ou San Xenxo poden asumir a contratación de traballadores para profesionalizar o Grumir “con máis razón debería facelo Redondela que conta cun maior número de habitantes”. O resto dos traballadores que conformaban o servizo ata o pasado 31 de decembro teñen previsto acudir tamén aos xulgados para denunciar ao concello por despido improcedente.