A situación que atravesa o equipo de Soutomaior da Primeira Autonómica é moi delicada, actualmente en postos de descenso. Con todo o técnico, Jacobo Montes, confía nos seus xogadores e salienta que o Arcade é a día de hoxe un equipo moito máis competitivo que cando comezou a liga. Despois da vitoria da pasada xornada diante do Vilariño confían en acadar tamén un resultado positivo en Tomiño, a onde se desprazan o domingo.
Son once finais as que ten por diante o Arcade ata que remate a liga. Así o entende o seu adestrador, Jacobo Montes, que aposta por acadar a permanencia na Primeira Autonómica. Actualmente están en postos de descenso, pero o técnico salienta que o equipo está en disposición de defender a categoría, xa que semana tras semana se amosa “máis competitivo”. A pasada xornada impuxéronse ó Vilariño por 2-1, co que sumaron tres puntos que eran “vitais” para os de Soutomaior. Pero non foi suficiente para sacar ó equipo do pozo no que está mergullado despois de varias semanas encadeando resultados negativos. E é que a sorte non estivo lo lado do Arcade, e nas pasadas xornadas tiña merecido mellores resultados. Mesmo no enfrontamento co líder, os de Montes demostraron a súa calidade. Puxéronse por diante no marcador, e o Alerta só puido superalos nas xogadas a balón parado. Neste partido, como noutros moitos, o técnico achaca “á falta de experiencia” os erros dos xogadores. Con todo, confía neles e está convencido en que a melloría que experimentou o equipo nos último meses sirva para garantir a salvación. A súa próxima final é en Tomiño, diante dun dos equipos fortes desta liga, o cuarto clasificado. Probablemente é o encontro máis complicado do que lles resta ós de Soutomaior, que nesta segunda volta xa se enfrontaron ós tres primeiros do grupo.