De pouco lles serviu ós redondeláns anotar no segundo minuto do partido. A vantaxe no marcador só lles durou o primeiro tempo. Na continuación os locais déronlle a volta ó encontro e fixéronse cos tres puntos. Xa na Primeira Autonómica goleada do Chapela sobre o San Adrián, que leva ós de Ferreira a postos que garanten a salvación; mentres o Arcade complícase cun empate que os afunde no descenso.
Preferente Autonómica
Ribadumia 3-2 Choco
Os de Julio Álvarez comezaron o encontro no campo da Senra adiantándose moi cedo. Nada máis comezar o partido, no minuto 2, un gol de Lojo doulle a vantaxe ós redondeláns. E os locais non conseguiron a igualada ata o inicio da segunda parte. Foi nos dous primeiros minutos da continuación, Diego Cebreiro e Samu marcaron cadanseu gol nos minutos 46 e 47, sorprendendo ó Choco, que viu como nun intre pasaba de estar por diante no marcador a perder o encontro. Xa no minuto 66 Álex, logo dunha boa xogada de contra, poñía o 3-1 no marcador. Os redondeláns conseguiron acurtar distancias cun gol de Calo no minuto 77. O 3-2 fixo sufrir ós locais nos últimos minutos de xogo, sobre todo logo da expulsión de Diego Cebreiro, pero os de Julio Álvarez non conseguiron aproveitar a superioridade numérica para igualar o partido. Malia a derrota, o Choco segue na metade da táboa, nunha situación cómoda que garante a permanencia. A próxima xornada terá ocasión de mellorar a súa situación xa que recibe en Santa Mariña á Peroxa, o pechacancelas, que só leva sumados tres puntos nesta temporada.
Primeira Autonómica
Chapela 4-1 San Adrián
O Chapela desarmou ó San Adrián e goleouno. Os de Luis Ferreira foron os dominadores do xogo ó longo de todo o partido, e o rival non reaccionou. A vitoria supón para o Chapela tres puntos de ouro, que os deixan nunha situación da táboa máis cómoda, son 13º. Esta posición garante a salvación, aínda que queda por diante un final de liga moi duro. De feito o domingo xogan no campo do Arcade. E os de Jacobo Montes sairán a por todas, xa que precisan os puntos á desesperada para evitar o descenso.
Arcade 1-1 Gondomar
O equipo de Soutomaior non conseguiu pasar do empate nun encontro que estivo moi igualado e con ocasións para os dous equipos. Os de Jacobo Montes xogaron de igual a igual diante dun dos equipos máis fortes do grupo, que actualmente é o 3º da liga. Finalmente os porteiros das dúas formacións foron os protagonistas, con boas intervencións que evitaron un marcador con máis goles. Reparto de puntos que non evita que o Arcade continúe en postos de descenso, é 16º. Moi importante se prevé o derbi comarcal que se xoga o domingo, o Arcade-Chapela podería ser un avance para os de Soutomaior ou afundilos case definitivamente.
Terceira Autonómica
Cesantes 1-1 Cruceiro B
Os redondeláns baixan á 7ª praza logo do empate cun dos equipos da parte alta, o filial do Cruceiro. A próxima fin de semana xogan no campo do Caroi, da zona baixa da clasificación.
Arcade B 1-0 Soutomaior
Interesante derbi entre os dous equipos do municipio no que se fixo valer o factor campo. Pese a levar feito unha campaña moito máis modesta, o filial do Arcade impúxose pola mínima, o que lle serviu para recortar distancias co Soutomaior. Agora o Arcade B é 9º e o Soutomaior 7º. Na próxima fin de semana dispútanse o Pontecaldelas-Arcade B e o Soutomaior-Salcedo.
Choco 2-1 Teis
A vitoria deixa ó Choco na terceira praza do grupo. O domingo xogará no campo do Balaídos, o 5º clasificado.
Vilar-Mosende: aprazado
O Vilar xogará o domingo en Nigrán, equipo da metade da táboa.
Nespereira 2-2 Vilasobroso
O reparto de puntos deixa ós de Pazos na 10ª praza, o domingo xogan no campo do Castelo, o 5º do grupo.
Futbol Sala-Autonómica Sur
Erichkrause 5-6 Redondela F.S.
Aos pupilos de Manoliño dánselle mellor os equipos da parte alta da táboa que os da súa liga. O resultado, cun disputado marcador a favor dos redondeláns pon unha vez máis en evidencia esta situación. Os resultados negativos dos rivais directos mellora algo a situación do Redondela F.S., que acurta distancias, aínda que continúa en postos de descenso. A situación aínda é moi complicada, ao que engadir o lastre que acumula o conxunto redondelán a nivel físico, con lesións e unha sobrecarga importante para algúns xogadores que acumulan moitos partidos. No club modificaron o esquema de adestramentos e descansos, para tentar mellorar a situación. Manoliño agarda que os cambios “sirvan para recuperar a algúns xogadores importantes” de cara á última fase ligueira. A próxima fin de semana xoga na pista do Quinta Xestión, a cita será ás 18.30 horas no Pavillón Novo