Os redondeláns confirmaron que esta temporada poden ser os grandes rivais da modalidade deportiva, logo dos triunfos acadados esta fin de semana en augas de Vilaxoán. Con todo, terán que volver demostrar a súa boa situación a próxima fin de semana no Campionato Galego en Meira.
O Club de Remo de Chapela amosouse intratable no Campionato Territorial Sur de bateis celebrado en Vilaxoán esta pasada fin de semana. Os redondeláns perfílanse como os grandes dominadores da disciplina en Galicia, pero queda aínda unha proba de lume a próxima fin de semana: o Campionato Galego en Meira. O equipo de Arealonga levou o triunfo na categoría absoluta. Foi noutro man a man coa embarcación de Meira, que nesta ocasión resolveuse por cinco segundos, e en categoría xuvenís en mulleres .
Salientar tamén que non foi o único premio para o Club de Remo Chapela. Coas eliminatorias do Territorial Sur celebrouse tamén a Bandeira Porto de Vilagarcía, que na categoría masculina gañou Chapela con 15 puntos, seguido de Tirán con 13 e Amegrove con 12. Na categoría feminina gañou Vilaxoán con 12 puntos, seguido de Chapela con 11 e Robaleira con 9.
Agora a cita pendente é o Campionato Galego, que se disputa esta próxima fin de semana en Meira, Moaña. As probas clasificatorias serán o sábado día 23 ás 17:00 horas, e a final o domingo día 24 ás 10:00 horas.