O deputado do BNG, Henrique Viéitez, ven de presentar unha iniciativa no Parlamento galego na que lle esixe á Xunta de Galiza que investigue e depure responsabilidades polo accidente laboral deste xoves no que morreu esmagado por un camión un traballador nas obras do túnel do AVE entre Arcade e Redondela
Viéitez denuncia que “sendo unha obra promovida pola Administración detéctase unha gran precariedade laboral e incumprimento das condicións laborais, como son xornadas de once horas, traballar os sábados e unha grande intensidade de persoas”.
Entende que accidentes como o desta semana responden á situación de risco na que se atopan os traballadores e lembra que a Administración ten a obriga de velar porque se cumpra a normativa en seguridade e saúde no traballo.
Neste sentido, o deputado nacionalista lembra que “partindo da base de que debe ser unha corresponsabilidade entre empresas, traballadores e administración, é a esta última á que lle corresponde poñer máis empeño en que se cumpra a lei en toda a súa extensión no referido á seguridade”.