Denuncian a destrución do Val do Maceiras, as emisións de po con sustancias contaminantes e os ruídos que os traballos causan durante a noite a pesar de que de xeito explícito “teñen prohibido traballar en horario nocturno nas inmediacións de núcleos habitados”.
Representantes da Asociación de afectados polas obras do AVE “Val do Maceiras” presentaron na mañá de hoxe no xulgado de Redondela un requirimento solicitando que as empresas que están a traballar nas obras do tren de alta velocidade na parroquia de San Estevo de Negros “tomen as medidas necesarias para paliar os prexuízos que de xeito continuados están sufrindo os veciños da parroquia”, principalmente aqueles cuxas vivendas están situadas nas inmediacións da entrada do túnel. Lembran como prexuízos principais a emisión de po con sustancias contaminantes, a destrución do val e o ruído que dende hai un ano teñen que soportar durante a noite procedente dos traballos que se están a realizar na entrada do túnel “a pesar de que o estudo de impacto ambiental prohibe expresamente o traballo nocturno nas inmediacións dos núcleos habitados”. A Asociación conta con dous informes de sonometría onde se constata que as obras incumpren a normativa municipal en materia de ruídos e critican que pese a ter recorrido en numerosas ocasión ante o concello, dende a administración local non se ten tomado ningunha medida para reparar o problema Ademais do requirimento presentado hoxe non desbotan iniciar accións legais así como outras medidas de presión no caso de que as empresas que traballan na zona non solucionen os problemas expostos.