Un veciño de Vilar foi detido por conducir sen carnet unha motocicleta de gran cilindrada mentres que o segundo dos detidos provocou un accidente por conducir baixo os efectos do alcol, segundo información da Policía Local
Miguel Angel S.L. de Vilar de Infesta era detido ás 17:30 horas de onte por conducir unha motocicleta de gran cilindrada sen contar con permiso correspondente. Os feitos, segundo información da policía local, producíanse na tarde de onte na zona do Salgueiral cando os axentes daban o alto a un mozo de 27 anos que conducía unha motocicleta Honda a gran velocidade. Os axentes comprobaron que o condutor carecía de permiso para este tipo de vehículos e que lle fora retirado asemade o carnet de conducir de clase B logo de perder todos os puntos.
Na xornada de hoxe pasará a disposición xudicial acusado dun delito contra a seguridade do tráfico.
Alcoholemia
A policía informa tamén dun segundo detido por conducir baixo os efectos do alcol. Neste caso, os feitos producíase ás 20:20 horas de onte cando un turismo Citroen ZX colisionaba contra un Renault Clio que se atopaba estacionado na rúa Xeneral Rubín e a continuación dábase á fuga.
Os propietarios do Clio presentaron unha denuncia que permitiu a localización de Manuel F.G. veciño do Coto en Cesantes e de 33 anos de idade. O condutor do ZX foi localizado na súa vivenda e presentaba claros signos de atoparse baixo os efectos do alcol polo que foi trasladado a dependencias da policía local onde se lle fixo a proba correspondente dando positivo no control de alcoholemia.