O gañador poderá gozar dun fin de semana para dúas persoas no Castelo de Soutomaior en réxime de media pensión durante a segunda quincena de novembro.
“Punto e Seguido” é un concurso literario de relato erótico posto en marcha pola Concellería da Muller, Servizos Sociais e Sanidade de Soutomaior que ten como obxectivo promover a educación e a saúde afectivo sexual así como eliminar tabús e estereotipos sexistas. As obras poderán presentarse desde o sábado un de agosto ata o domingo un de novembro e deben ser orixinais, inéditas e escritas en lingua galega. Ademais non poderán exceder as 600 palabras sen contar o título. O xurado, que estará formado por profesionais relacionados coa literatura valorarán que o texto reflicta actitudes e valores igualitarios e a ruptura de estereotipos sexistas, especialmente os relacionados có erotismo e a sexualidade. Os participantes, que deberán ter máis de dezaoito anos, poderán presentar dúas obras como máximo, que pasarán a formar parte dos fondos bibliográficos da concellería así como os dereitos sobre a obra. O gañador do concurso, que darase a coñecer na segunda quincena do mes de novembro, será premiado cunha fin de semana para el e un acompañante no Castelo de Soutomaior, que inclúe estancia e media pensión. O prazo para a presentación de orixinais é dende o 1 de Agosto ata as 14 horas do 1 de Novembro e deberá presentarse persoalmente ou por correo certificado. Para máis datos podedes consultar a páxina web www.ex-presion.com ou no número de teléfono 986 70 12 27.