A limpeza dos areais redondeláns, a redución das molestias orixinadas polas obras de humanización e a construcción de máis parques infantís son algunhas das demandas que os redondeláns lle fan ao goberno local.
A mala situación dos areais, o lixo que hai no fondo da ría e a proximidade das zonas de baño ao peirao, provocan o malestar dos usuarios das praias de Redondela. Os usuarios da praia de Cesantes e Arealonga denuncian que os servizos municipais non están a limpar as praias en plena época estival o que provoca que na area se atopen cristais, bolsas de plástico e lixo. Ademais denuncian que os colectores de reciclaxe situados nos areais non son baleirados diariamente o que provoca que non se poida facer a selección do lixo e teñan que depositalo nos colectores que están baleiros. Pero este non é o único tema que xera malestar entre os veciños do noso concello senón que as obras de humanización tamén son outra cuestión de queixa. Desde que no mes de xullo comezaron as obras na rúa José Regojo os veciños dos edificios próximos denuncian que o ruído e insoportable, que non se pode acceder aos comercios nin pasear polo centro da vila. Ao que engaden que a causa das obras nas horas de maior fluxo de vehículos prodúcense retencións importantes de tráfico. Ás obras e a limpeza das praias temos que sumarlle os parques infantís. Os pais dos cativos demanda a construcción dun novo espazo para os rapaces e un maior coidado das instalacións, xa que segundo sinalan non están o limpas que deberían.