A maior parte dos bares consideran a medida positiva en canto que se aplique a todos os establecementos por igual aínda que critican ao goberno por non tela posto en marcha antes de obrigar aos locais a acometer obras para adaptarse á Lei Antitabaco do 2006.
Os donos dos establecementos de lecer de Redondela, consideran que a medida, se finalmente se aproba, vai ser de moi difícil aplicación, xa que a xente ten moi arraigado o costume de poder fumar mentres se toma unha consumición nun bar. Malia todo afirman que a medida é positiva, tanto para os propios consumidores como para as persoas que traballan no sector da hostalería. Non embargante, entenden que o Ministerio de Sanidade debería ter previsto este endurecemento da lei hai tres anos cando obrigou aos establecementos de maior superficie a habilitar unha zona libre de fumes e outra de fumadores. Unhas obras que supuxeron un elevado gasto para os establecementos e que de modificarse a normativa vixente deixaría de ter sentido. Os bares pídenlle ao goberno, de seguir adiante co endurecemento da lei, que se aplique por igual a todos os establecementos e que vixíe que a medida se cumpre, xa que senón suporía un importante prexuízo económico para aqueles que acaten o novo regulamento.