Treixadura, a agrupación O carballo das Cen Polas e o grupo Mimbrales de la Fuente continúan a programación de agosto das Noites Máxicas dos Viaductos.
Fusión de sons tradicionais de Galicia e Castela a Mancha é o que nos ofrece o Encontro Folclórico que se vai celebrar esta noite a partir das 22.30 horas na Casa da Torre. Representando a Galicia estará a banda de Reboreda “O Carballo das Cen Polas”. Unha agrupación que nacía en 1978 da man da Sociedade Labrego Cultural de Reboreda e que está composta por mozos desta parroquia. No ano 1993 o grupo comezaba unha nova andaina renovando a súa concepción do baile e a música.
“O Carballo das Cen Polas” xurde das escolas que ten en marcha a Sociedade Cultural de Reboreda na que participan nenos de catro anos en diante. Xotas, rebeiranas, pandeiradas, rumbas ademais de alboradas, marchas tradicións, pasarrúas ou treboadas, é parte do que esta agrupación porá riba do escenario esta noite xunto á agrupación “Mimbrales de la Fuente”. Un grupo que dende o ano 1988 veñen recuperando a tradición tanto musical como cultural de Fuente el Fresno, unha pequena poboación de Cidade Real. “Mimbrales de la Fuente” está formado por parellas mixtas, músicos e cantantes, ademais dunha escola de baile.
O sábado será a quenda do grupo de folk galego “Treixadura”. Unha banda que nacía no 1990 ao carón do río Alvedosa, no antigo muíño de Redondela. Case dez anos despois teñen catro discos publicados e sona tanto dentro como fora da nosa comunidade. Este sábado, día oito de agosto, presentaranos o seu espectáculo “Treixadura Gaiteiros”. Gaitas, percusión, acordeón e voces que interpretarán valses, muiñeiras, foliadas, pasodobres e outros ritmos da nos tradición. A actuación celebrarase no Campo da Feira a partir das 23.00 horas.