Un grupo de militantes solicitara a expulsión do Concelleiro redondelán por pesar sobre el unha “sentencia condenatoria en firme que considera probado que cometeu un delito de vexacións”
A páxina web do PG confirma a expulsión do edil redondelán Alejandro Bastos. Un grupo de militantes da agrupación política solicitaran á executiva do partido no pasado mes de xuño a expulsión inmediata do concelleiro do partido atendendo ós estatutos da agrupación nos que se regula a expulsión “cando existan indicios suficientes dalgún feito delitivo”. Un dos promotores da solicitude e membro da executiva nacional, Orlando Villamayor, argumentaba a petición logo de coñecer que Bastos fora condenado meses atrás por unha falta de vexacións inxustas.
Tal e como se recolle na páxina www.partido-galeguista.org o presidente do Partido Galeguista, Xesús Manuel Elías Pérez comunica que a “a existencia dunha sentencia condenatoria en firme que considera probado que Alejandro Bastos cometeu delito de vexacións” fai que en aplicación dos estatutos do partido se resolva expulsar de xeito inmediato a este concelleiro do partido, o que implica a “perda da súa condición de militante do Partido Galeguista”.
Engaden no comunicado que en virtude desta decisión a vacante será cuberta por outra persoa na reunión que o Consello da formación celebrará o vindeiro sábado 29 de agosto.
Lembramos que esta expulsión ten a súa orixe nun feitos que se remontan a sete anos atras. Alejandro Bastos tivo que enfrontarse a un xuízo por un suposto delito de acoso sexual logo de que fora denunciado por unha veciña por uns feitos acontecidos en decembro do 2002. Cinco anos despois a Audiencia Provincial de Pontevedra absolveu ao concelleiro do delito de acoso sexual pero condenouno a pagar 400 euros por vexacións inxustas logo de considerar probado que efectivamente o edil se excedera coa denunciante.