O accidente, no que se viron implicados sete vehículos, obrigou a cortar un dos carrís da N-552 provocando importantes retencións.
O sinistro aconteceu ás 14.15 horas de onte na N-552 á altura do quilómetro 3,5 cando un vehículo freou para realizar un xiro na zona de Vieirasa. Os coches que circulaban detrás colidiron por alcance, segundo Protección Civil. En total os vehículos implicados foron sete, dous Seat León, dous Mercedes, un Renault Clio, un Seat Toledo e un Opel Astra, que sufriron danos de diversa consideración. O accidente provocou catro feridos leves, que foron trasladados por unha ambulancia do 061 ao Hospital Fátima de Vigo, aínda que con lesións que non revestían gravidade.
A causa da colisión un dos carrís da estrada N-552, que une Vigo e Redondela, quedou cortado polos coches sinistrados o que provocou importantes retencións de tráfico, durante aproximadamente unha hora, mentres os vehículos non foron retirados pola grúa da calzada. Ata o lugar achegáronse efectivos da Garda Civil e da Policía Local, que regularon o tráfico mentres non se despexou a vía, e membros de Protección Civil.