Hoxe é Mércores 30 de Outubro de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Saxamonde acolle un ciclo de artes escénicas

RR_Noticias

A Asociación Cultural Chan das Pipas de Saxamonde inicia a súa programación cultural de outono cun ciclo dedicado ás artes escénicas no que se inclúen diversas representacións de teatro, títeres e cinema.

O próximo sábado 31 de outubro comeza a programación cunha dupla sesión. En primeiro lugar, e a partir das 20:00 horas, a Compañía Teatral “A Coviña”, dirixida pola cesantina Efigenia Medal, porá en escena a obra “Un arce no xardín” do dramaturgo Roberto Salgueiro. Unha obra divertida cun versátil libreto e agudos diálogos nunha trama de final inesperado. A produción da Compañía Teatral é sobria e, aínda que composta de actores amadores, empapa ao espectador cunha merecida interpretación. Unha vez rematada, o Centro Cultural acollerá, por vez primeira na súa historia, unha sesión de cinema. A partir das 22:00 horas, proxectarase unha película e animación apta para todos os públicos e susceptíbel de varias lecturas. Serviranse pipocas para os presentes.
O sábado día 7 de novembro, tamén a partir das 20:00 horas, a compañía de títeres Tanxarina levará a terras de Saxamonde a súa produción “Contaloucos”. Como é tradición nesta lonxeva compañía redondelá, as súas producións mesturan diversas técnicas de manipulación de monicreques coa interpretación teatral e mesmo elementos circenses. Compañía e obradoiro de títires, Tanxarina combina en “Contaloucos” o relato de dous contos universais cunha posta en escena aparentemente caótica pero de ritmo narrativo progresivo. A riqueza de técnicas dramáticas permite engarzar temáticas como a paz, a guerra, a maxia ou a amizade con gags cómicos que amenizan un relato de por si cativador.
O presente ciclo de artes escénicas de Saxamonde pretende achegar ao público desta parroquia rural unha representación en tres actos de diversas modalidades deste campo artístico. A Asociación Cultural Chan das Pipas considera que parte da súa función social é a da formación ao tempo que o entretemento.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará