O Ministerio de Fomento sacou onte a licitación, coa súa publicación no Boletín Oficial do Estado, a redacción do proxecto do primeiro tramo da autovía Vigo-Vilaboa, a A-59 (coñecida anteriormente como alternativa 5) que conectará a A-57 co aeroporto de Peinador.
O trazado licitado é o do tramo máis próximo a Vigo de 4’7 quilómetros entre Arrufana e o aeroporto. A principal característica deste tramo é a necesidade de deseñar un túnel de 540 metros que pasará baixo a pista de aterraxe de Peinador e que permitirá aos vehículos salvar o aeroporto e enlazar co seu acceso á AP-9.
O deseño que agora licita Fomento sae a concurso por 2 millóns de euros e cun prazo de execución de 10 meses tempo, máis corto do habitual para as redaccións dos proxectos que normalmente oscilan entre os 12 e os 16 meses.
O treito que sae agora é o primeiro dos tres nos que Fomento divide este ramal que contará con dúas vías de sete metros de ancho, beiravías exteriores de 2’5 metros e interiores de metro e medio.
A nova autovía terá un total de 23 kilómetros que discorrerán practicamente en paralelo coa A-57 e que afectará no seu percorrido directamente a Redondela xa que pasará por varias parroquias da vila. Unhas afeccións que provocaron unha importante contestación veciñal canalizada en boa parte a través da Plataforma Cidadá.
Tamén en Soutomaior e Pontevedra houbo protestas contra este trazado e lembramos que dende o PP se defendeu como alternativa outro ramal, a alternativa 11 por ter menos afeccións tanto sobre a poboación como sobre o territorio