Sete millóns de euros para o total da autovía que comunicará a A-57 co aeroporto. O trazado está dividido en tres tramos: Peinador-Arrufana, Arrufana-O Viso e O Viso-Vilaboa.
O departamento que dirixe José Blanco licitou o sábado os dous últimos tramos do trazado da A-59 que comunicará a autovía A-57 co aeroporto de Peinador cun ramal que sairá dende Vilaboa.
Se o pasado xoves coñeciamos a decisión do ministerio de sacar a licitación a redacción do proxecto do tramo máis próximo a Vigo de 4’7 quilómetros entre Arrufana en Mos e o aeroporto, o sábado licitábanse os outros dous tramos, un total de 18 quilómetros entre Arrufana ata o Viso e dende a parroquia redondelá con Vilaboa.
O primeiro dos tramos licítase por 2.574.446 euros e as empresas disporán de dez meses para elaborar a documentación unha vez que se adxudique a partir do mes de marzo. As mesmas condicións se establecen para o trazado O Viso-Vilaboa, que está orzamentado en 2.529.936 euros.
Os 23 quilómetros de lonxitude da A-59 (coñecida anteriormente como alternativa 5) contarán con dúas vías de sete metros de ancho, beiravías de 2’5 metros e interiores de metro e medio. O primeiro dos tramos contará ademais cun túnel de 540 metros que pasará baixo a pista de aterraxe de Peinador e que permitirá aos vehículos salvar o aeroporto e enlazar co seu acceso á AP-9.