O concello desbota a posibilidade de financiar a tarxeta verde ao xubilados desta parroquia polo elevado custe que suporía para as arcas municipais. O edil Emilio González Iglesias estima que o concello debería abonar 648.000 euros anuais para financiar o servizo.
Os xubilados de Chapela terán que pagar o billete do autobús para desprazarse a Vigo. Así o confirmou o concelleiro Emilio González Iglesias quen asegurou que logo de facer cálculos estiman que sería necesario destinar 648.000 euros anuais para poder financiar o uso gratuito do autobús a este sector da poboación. O problema comezou a inicios de ano logo de que uns 300 xubilados que residen na parroquia de Chapela se atoparan coa esixencia por parte do Concello de Vigo de estar empadroados na cidade para poder gozar da coñecida como tarxeta verde que lles permitía usar o VITRASA de xeito gratuíto. Os usuarios, na maior parte con rendas baixas reclamaron do goberno local unha medida semellante á adoptada en Vigo, esto é que o concello financiase o uso do autobús para desprazarse a Vigo. Con todo, o Concelleiro González Iglesias asegura que logo de varias xestións coa empresa de transporte confirmaron que “o concello non ten capacidade para asumir o custe que suporía financiar o billete a un total de 900 usuarios”. Explicou o edil que aínda que a tarxeta verde só a empregaban un 300 usuarios residente en Chapela, o concello tería que extrapolar este beneficio a todo o territorio “xa que no caso contrario sería unha medida discriminatoria” Unha vez desbotada esta solución dende o goberno local proponse como alternativa a medio ou longo prazo que a Xunta retome o plan de trasporte metropolitano para abaratar o billete dos autobuses.