Os populares destinarán 50 céntimos de cada 3 euros que custa cada unhas das participacións da lotería de Nadal do número 01055
Os populares, que xa colaboraran coa campaña “Un euro por Jessica” para recadar fondos necesarios para a operación desta rapaza en Alemaña continúan nesa liña e empregarán a lotería de Nadal, que poñen á venda todos os anos para seguir aportando nesta boa causa.
Cada unha das participacións, do número 01055, ten un prezo de 3 euros, dos cales 50 céntimos irán destinados a esta campaña solidaria. “A recadación íntegra do recargo da lotería destinarémola este ano a Jessica, que con 17 anos aínda non sabe o que é falar nin dar un paso polo seu propio pé; e como desexamos de verdade a súa recuperación, decidimos entregarlle o diñeiro que recademos con esta acción ao seu pai”, explica Laura Alonso presidenta local de NN. XX.
Lembramos que Jessica é unha nena residente en Chapela que padece parálise cerebral dende o nacemento. Para que poida recuperar a mobilidade e a fala é preciso que se desprace ao país alemán, lugar onde se someterá a unha intervención cirúrxica con células nai. A lotería poderase adquirir a través dos membros de Novas Xeracións, no bar Madis do Viso, na peluquería Jorge Rubín da rúa Ribeira ou ben reservala dirixíndose ao enderezo electrónico nnxxredondela@gmail.com.