A Consellería de Cultura e Turismo xunto a Asociación de Concellos con Castelos, Torres e Enclaves Turísticos organizan esta xornada o próximo 18 de novembro baixo o lema “O pasado ten futuro”. O obxectivo da iniciativa, na que estarán representados 40 concellos, é coordinar esforzos para protexer e divulgar este patrimonio singular de cara o seu aproveitamento cultural e turístico.
A Illa de San Simón acollerá o próximo mércores 18 de novembro a xornada Patrimonio Monumental. Castelos, Torres e Enclaves Históricos, organizada baixo o lema “O pasado ten futuro” pola Consellería de Cultura. Unha xornada coa que se pretende avanzar na coordinación entre as administracións e as institucións involucradas na protección xurídica deste patrimonio singular, recoñecido así pola Unión Europea, para a súa posta en valor como recurso cultural, histórico e turístico.
A Consellería de Cultura e Turismo pretende relanzar con esta actuación a preservación e difusión destes bens inmobles e dos enclaves históricos (como a propia Illa de San Simón, o Couto Mixto ou a Muralla Romana de Lugo) que conforman unha especificidade cultural protexida pola Lei do Patrimonio Cultural de Galicia. Para acadar este obxectivo, a Consellería de Cultura e Turismo considera necesaria a implicación das administracións locais. Nesta liña de traballo, confirmou xa a participación na reunión do próximo día 18 dun total de 40 concellos galegos.
A Consellería de Cultura e Turismo anuncia ademais que está a traballar na inclusión deste reclamo na información que se trasladará aos millóns de visitantes e turistas que se achegarán a Galicia co gallo da celebración do Xacobeo 2010.
O programa da xornada comezará coa intervención do alcalde de Celanova, Antonio Mouriño, quen abordará a importancia do legado monumental co relatorio “O Patrimonio, centro de interpretación histórica”. Falarán tamén o alcalde de Redondela, Xaime Rei, o fiscal superior de Galicia, Carlos Varela e o xefe superior de Policía de Galicia, Luis García Mañá.
O director xeral do Patrimonio Cultural, José Manuel Rey Pichel, e a secretaria xeral para o Turismo, Carmen Pardo, serán os encargados de definir as competencias e os proxectos da Xunta de Galicia neste ámbito. Pola súa banda, o presidente da Cámara Municipal de Melgaço, Rui Solheiro, presentará “O patrimonio monumental no Norte de Portugal”.