O fiscal pide nove anos de inhabilitación para ambos os dous políticos por presunta prevaricación na realización das obras de renovación do saneamento e abastecemento nas rúas Alfonso XII, Ribeira e Xeneral Rubín. O rexedor local mostrábase esta mañá tranquilo “porque o que se fixo foi o correcto”
O fiscal solicita nove anos de inhabilitación para o alcalde Xaime Rei por supostas irregularidades na contratación dunhas obras executadas no ano 2007. O ministerio público solicita a mesma sanción para o concelleiro de urbanismo Emilio González Iglesias. O rexedor local mostrábase na mañá de hoxe confiado na xustiza e aseguraba que todo o feito dende o goberno local “foi o correcto aínda que se obviara un pouco o procedemento”. Lembramos que o fiscal considera que o rexedor local é responsable dun presunto delicto de prevaricación, cargo que tamén se lle imputa a González Iglesias. Os feitos aos que se refire o ministerio público tiveron lugar a finais do ano 2007 cando en pleno municipal aprobouse un recoñecemento extraxudicial de crédito por importe de 799.531 euros pese ao informe do interventor municipal quen advertía da súa ilegalidade. Os feitos encausados fan referencia concretamente a unhas partidas que se destinaron a renovar a rede de saneamento e abastecemento das rúas Alfonso XII, Ribeira e Xeneral Rubín. A execución de ditas obras foron adxudicadas á empresa que xa estaba a realizar os traballos de humanización e a fiscalía entenden que se prescindiu nesa contratación do procedemento que establece a Lei pese as advertencias do interventor. Xaime Rei asegura que o recoñécemento extraxudicial de créditos para realizar obras urxentes é unha práctica normal en todos os concellos e máis en casos como o que agora está nos xulgados onde foi necesario incrementar o orzamento nas obras de humanización porque de xeito imprevisto foi necesarios cambiar a rede de saneamento, de abastecemento de auga e de recollida de pluviais. Con todo, preferiu non facer declaracións ao respecto á espera de reunirse co seu avogado, pero insiste en que o proceder do goberno local “foi unha actuación responsable e de sentido común” A Fiscalía enumera ademais unha cantidades que segundo se recolle no Faro de Vigo, se terían pagado á adxudicataria de xeito irregular. Entre elas están os 124.320 euros de gastos xerais derivados dun procedemento de licitación que o fiscal estima que non existiu así como facturas de 5.403 ou 3.000 euros entre outras. Unha cantidades que considera non deberían ser pagadas e que agora pide sexan devoltas ao concello polos acusados. Ao entender do alcalde o motivo último de que esta cuestión acabe nos xulgados débese a que “hai xente que non soporta que Xaime Rei leve de alcalde dende o ano 79”.