O Choco terceiro de Rexional Preferente, o Soutomaior líder da categoría, o Chapela cuarto da Segunda Autonómica, e o resto dos equípos localízanse entre os oito primeiros do grupo menos o Arcade e o Nespereira en Terceira Autonómica.
Rexional Preferente
Ribadumia-Choco (1-2) O Choco terceiro da categoría despois de sumar tres puntos este fin de semana fronte ao Ribadumia malia que estes conseguiron dominar todo o partido. O Ribadumia enfrontaba este encontro sen algúns dos seus homes máis importantes, numerosas baixas que souberon aproveitar os locais, que abrían o marcador no minuto 30 grazas a un lanzamento de Hermida. Seis minutos despois o choqueiro Gorca dáballe a vitoria ao conxunto redondelán. O Ribadumia non tivo moito acerto. Tivo varias oportunidades para reducir a distancia co Choco, incluso un penalti, pero faltoulle puntería. Malia todo conseguirían reducir distancias cos redondeláns grazas a un lanzamento do xogador do Ribadumia Manu no minuto 83, pero restaban menos de dez minutos para o fin do partido e os de Ribadumia xa non tiveron máis oportunidades de gol. Unha vitoria que volve situar ao Choco entre os primeiros postos da Rexional Preferente, tan só por baixo do Porriño, que encabeza a clasificación e o Estradense, que é o segundo. Os dous con 29 puntos, tres máis que os locais. A vindeira semana podería acurtar distancias, xa que xogará contra o Arenteiro, o sétimo da táboa, con tres puntos menos que os locais.
Primeira Autonómica
Arcade-Atios (0-0) O Arcade conseguiu resistir ao segundo da categoría, o Atios. Malia que todas as previsións auguraban unha derrota para os locais, que nas últimas xornadas non tiveron moito acerto, conseguiron saír do partido deste fin de semana coa cabeza ben alta, despois de conseguir que o segundo da categoría, non anotara ningún gol no campo do Arcade. Un punto, o que suman este fin de semana os locais, que, malia todo, non lles sirve para afastarse dos últimos postos da categoría. É cuarto, pola cola, con doce puntos, tan só por riba do Arbo, o Poio, e o Caldas. A próxima xornada terao complicado, xa que o seu rival será o Mondariz, que se sitúa no posto décimo segundo, con dezaseis puntos.
Segunda Autonómica
Corzáns- Chapela (0-4). O Chapela non defraudou esta semana e impúxose sen dificultados ao penúltimo do grupo once. Sen darlle nin un minuto de descanso, dominando o partido e a posesión do balón os xogadores do Chapela fixeron gozar aos seareiros que o acompañaron ata o campo do Corzáns. Catro foron os goles que lle anotaron os redondeláns ao seu rival esta xornada. Malia que o Corzáns tivo varias oportunidades para acurtar distancias, a defensa do Chapela e o seu gardameta, conseguirían que só uns poucos dos lanzamentos do seu rival rozaran os paos da portería. Tres puntos que sitúan aos de Chapela entre os primeiros da categoría. No cuarto posto, por baixo do Guardés, o Caldelas e o Sardoma, co que está empatado a 23 puntos. A próxima semana podería continuar gabeando cara o liderado, pero non o terá sinxelo, xa que o Louro será o seu rival, o sexto da táboa, que despois da vitoria desta semana fronte ao Xinzo, tentará meterse entre os cinco primeiros da categoría.
Terceira Autonómica
Cesantes-Eiriña (2-2) Empate do Cesantes na casa fronte ao Eiriñas. Pouco lles faltou aos locais para sumar tres puntos ao seu marcador este fin de semana pero desaproveitaron varias oportunidades cara o final do encontro o que só lles permitiu sumar un punto que os sitúa na quinta posición. Un partido moi disputado, no que ningún dos equipos se deu por vencido. Os xogadores do Eiriña chegaron con forza a Cesantes e coa decisión de non caer na segunda metade da clasificación, e o conseguiron, xa que con este empate quedan sétimos na táboa. Os locais, aséntanse na quinta posición con 23 puntos, empatados co sexto o Portas, o cuarto, o Combarro. Unha igualdade que poderían desfacer na próxima xornada, aínda que terán que preparar un partido complicado, xa que será o Portas o equipo co que teñan que xogar, o sexto da categoría, cos mesmos puntos que os locais.
Salcedo-Soutomaior (0-3). O Soutomaior continúa imparable e consolídase esta semana como o equipo máis forte do grupo dezaoito da Terceira Autonómica. O Soutomaior fixo gozar aos seus seguidores dunha nova xornada de goles fronte ao Salcedo ao que lle anotou tres tantos. Todos os vaticinios cumpríronse e o terceiro pola cola non foi quen de parar á dianteira do Soutomaior. Unha vitoria que os deixa como líderes do grupo a un punto do segundo, o Bahía, e tres do terceiro, o Velaboa. A próxima semana terá a oportunidade de consolidarse como primeiro na casa, se consegue sumar tres puntos fronte ao Beluso, o oitavo da categoría, que tampouco llo porá nada sinxelo aos de Soutomaior, xa que tentarán aumentar distancias cos seus rivais directos, o Pontevedra e o Praderrei, que tan só teñen un punto menos que o Beluso.
Arcade “B”-Moaña (3-3) Un punto suma o Arcade esta semana despois de empatar fronte ao Maoña. Tarde de goles no campo do Arcade, que malia ter partido moi complicado, xa que tiña que enfrontarse ao cuarto da categoría, pero conseguiu anotar tres goles na casa, aínda que os de Moaña tamén fixeron valer a súa posición e igualaron o marcador. Así as cousas, o Arcade continúa na primeira metade da táboa, na sexta posición, con vinte puntos, empatado co quinto o Sampaio. O Santomé, cuarto pola cola, será o seu contrincante a próxima xornada, polo que podería meterse entre os cinco primeiros se gaña o encontro.
Matamá- Choco “B” (2-3). Vitoria para o Choco fora da casa fronte ao Matamá. Un partido moi igualado que finalmente conseguirían levarse os choqueiros por 2-3, aínda que iso si, con algunha que outra dificultade. Tres puntos que deixa aos locais asentados nos primeiros postos da categoría. No quinto lugar con vintedous puntos, igualado co cuarto, o Lavadores e o terceiro, o Santa Mariña. A vindeira semana descansa.
Liréns-Nespereira (4-1) O Nespereira afúndese no último posto da táboa e aumenta a diferenza co resto dos equipos. Polo momento só sumou tres puntos a súa clasificación e despois da derrota deste fin de semana fronte o Liréns por catro a un, os ánimos non son os mellores no clube. Pero o vindeiro encontro podería ser a oportunidade para recuperar o ánimo, xa que xogará contra o terceiro pola cola, o Sanguiñeda, que tan só conta con catro puntos máis que os locais.